A plataforma polo centro de día seguirá co encerro no concello ata que a Xunta acceda ás súas demandas

    RIANXO> Segundo día de peche no concello da plataforma polo centro de Día de Rianxo. Os afectados decidiron iniciar este encerro que se prolongará ata que a Xunta acceda a dotar deste servizo á localidade. Organízanse en quendas para facer máis levadío o o peche que se iniciaba este mércores de xeito indefinido. Aínda que a maioría son xente maior non lle faltan folgos para loitar polos seus dereitos. Tanto é así que non pensan desconvocar o encerro ata que a Xunta acceda a dotar a Rianxo dun centro de día. Traballaron e seguen a traballar por un servizo que consideran urxente e necesario. Cos datos na man trátase dunha reivindicación máis que xusta posto que en Rianxo hai máis de dúas mil persoas en situación de dependencia. Á espera de obter resposta por parte da administración seguirán ocupando a casa do concello en sinal dunha loita que, a pesar dos anos e das trabas, están dispostos a gañar.