A gardería de Ribadumia habilitará unha nova aula para 1 e 2 anos

    RIBADUMIA > Á volta das vacacións escolares, a gardería de Ribadumia terá habilitada unha nova aula destinada a nenos de un a dous anos. Unha medida que permitirá ó centro dar resposta á gran demanda que ten. Deste xeito a gardería atendería a 55 rapaces de cero a tres anos, repartidos en catro aulas.

    A gardería de Ribadumia contará cunha aula máis este ano, destinada a nenos de 1 a 2 anos. Despois de dous anos desde a súa inauguración, o centro está aumentando paulatinamente o número dos seus alumnos e das súas aulas. Ante a demanda de prazas e a avultada lista de espera, en xaneiro habilitarase unha nova aula para nenos de 1 a 2 anos. Neste sentido, desde novembro, data en que se fixo a solicitude a Educación, estase a traballar nas reformas oportunas que permitan a apertura dunha nova clase para os pequenos.

    A gardería acollería así a 55 alumnos, repartidos en catro aulas: unha dedicada a nenos menores dun ano, dúas de 1 a 2 anos e outra de 2 a 3 anos. Con esta ampliación solucionaranse en boa medida os problemas da lista de espera. Pero ademais de estar traballando na gardería municipal para suplir esta gran demanda de prazas e facilitar ós pais o coidado dos seus fillos, tamén se está mellorando o acceso ó edificio, instalando unha galería na porta principal para resgardarse cando chove. Todo elo estará listo para a volta destas vacacións. A partir de entón, os máis maiores terán unha nova actividade, xa que comezarán a recibir clases de inglés.

    Redacción Salnés