Dúas novas vítimas mortais na vía rápida do Barbanza

    BARBANZA > O inicio de 2006 na vía autonómica do Barbanza non puido ser peor con dúas novas vítimas mortais no segundo día do ano. O sinistro tivo lugar á altura do municipio de Rianxo, nun tramo de vía moi perigoso, e saldouse co falecemento dos dous conductores implicados. A semana pasada rexistrouse outra morte na estrada, á altura de Boiro, que veu pechar o balance anual máis nefasto desta vía cun total de doce mortos ó longo do 2005.

    O sinistro produciuse por unha colisión frontal entre dous vehículos no quilómetro trece, á altura do municipio de Rianxo. Un dos turismos, un Opel Tigra que se dirixía cara Ribeira, saíuse da vía mentres efectuaba un adiantamento impactando contra o quitamedos. A causa do golpe, o vehículo desprazouse novamente á calzada e foi alcanzado por outro turismo que circulaba en dirección a Padrón.

    Ámbolos dous conductores faleceron no acto e foi preciso recurrir á excarcelación para retira-los corpos.

    A consecuencia do accidente a vía autonómica permaneceu cortada durante máis de dúas horas e o tráfico foi desviado pola estrada AC-305, entre os accesos de Catoira e Rianxo.

    Redacción Barbanza