VILAXOÁN > Os bateeiros galegos concentráronse no primeiro martes de 2006 por segunda semana consecutiva diante do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia denunciando unha situación que é, a todas luces, insostible.
¿A denuncia? Demasiado tempo de inactividade, demasiado mexillón sen vender, demasiada toxina e demasiada pasividade por parte da Administración. Por segunda semana consecutiva, máis dun cento de afectados se concentraron en Vilaxoán pedindo solucións urxentes a unha grave problemática que afecta ás nosas rías.
O número de afectados pola crise que se concentran diante de INTECMAR aumenta co paso das semanas, debido a que cada vez son máis as perdas que afrontan estes profesionais. O centro no que se realizan as análises de toxinas é, para o sector, o símbolo da crise que están pasando. Case tódolos concentrados procedían de A Illa, pero tamén se achegaron dende Combarro, Cambados, O Grove ou Rianxo. Unha mensaxe de móvil de procedencia descoñecida foi o convocante desta concentración, coa que esixen que a Administración os apoie na busca de solucións urxentes.
Polo momento non se barallan outro tipo de medidas de presión, anque esta mañá os ánimos estaban moi caldeados entre os profesionais dun sector que ve como as perdas da campaña de Nadal son cuantiosas. Temen que só se lles faga caso se endurecen as medidas de presión.
As medidas que solicitan por parte da Administración pasan por non ter que pagar a Seguridade Social mentres dure a crise, así como as taxas dos portos por carga e descarga, que non están usando. Asimesmo, deixan claro que a seguridade alimentaria é unha prioridade para tódolos que viven da producción, pero tamén para os productos de importación. Solicitan que entren no país cos mesmos controis porque denuncian que aproveitan a crise para copar o mercado.
Ademais, reclaman que os controis volvan ser de 12 horas e non de 24, o tempo fixado por unha directiva comunitaria. Solicitan ademáis que para permitila apertura de zonas se realicen probas ‘integrais’, é dicir, que se misturen as mostras tomadas nunha batea frente ó sistema de análise por alturas que se emprega agora.
Á espera de medidas urxentes, as economías familiares resíntense coas perdas diarias e os profesionais, máis de 15.000 en postos directos e miles en indirectos, rozan a desesperación.
Redacción Salnés