RIBEIRA > O departamento de Servizos Sociais do concello de Ribeira clausurou este xoves o obradoiro de elaboración de xoguetes de refugallo impartido durante as dúas semanas anteriores. Ó acto asistiu a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Esther Patiño, quen destacou a importancia deste tipo de iniciativas para facilitar a integración social dos cativos fóra do entorno familiar.
Un total de quince rapaces, membros das familias destinatarias do Programa de Educación Familiar participaron no obradoiro de elaboración de xoguetes de refugallo promovido polo departamento de Servizos Sociais do concello de Ribeira.
Os nenos aprenderon durante dúas semanas a elaborar diferentes xogos e agasallos con materiais ecolóxicos, despregando así toda a súa capacidade imaxinativa.
A iniciativa chegou hoxe á súa fin cunha festa de clausura. Nela estivo presente a concelleira de Servizos Sociais, Esther Patiño, quen destacou a necesidade de fomenta-lo espírito creativo dos cativos ó mesmo tempo que se enriquece o seu ámbito de relacións afectivas.
Tódolos asistentes ó acto de clausura puideron contemplar unha exposición cos xoguetes elaborados polos pequenos. Entre eles, un circuto de carreiras, un xogo de fútbol ou un tres en raia, todo elo elaborado con materiais reciclados e, sobre todo, moita imaxinación.
Redacción Barbanza