Costas investirá dez millóns de euros na rexeneración de praias rianxeiras

    RIANXO > O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, informou de que unha das prioridades do actual executivo local para este ano 2006 vai se-la rexeneración dos principais areais do municipio, seguindo tamén coas actuacións de paseos marítimos e rotas ou sendas peonís pola franxa costeira. Neste sentido o goberno rianxeiro está a traballar en dous proxectos importantes: a mellora do bordo litoral dende a praia da Torre ó porto de Taragoña e a de Punta Fincheira a Tanxil.

    Entre as principais actuacións previstas polo executivo rianxeiro para o presente ano figura o plan de rexeneración das praias da Torre, Porto, Tanxil, As Cunchas, Porrón e Rianxo presupostado en preto dos dez millóns de euros e que será financiado pola Demarcación de Costas en Galicia dependente do Ministerio de Medio Ambiente.

    O alcalde tamén fixo referencia a outros proxectos que ten en marcha Costas na localidade como é o caso da recuperación do bordo litoral entre Punta Fincheira e Tanxil por importe e dous millóns e medio de euros e que se atopa en fase de redacción, así como a construción de dúas sendas peonís, unha entre a praia da Torre e o porto de Taragoña e a outra entre as praias de Tanxil e As Cunchas, presupostadas en seis millóns de euros.

    Pedro Piñeiro tamén se referiu a outro proxecto que ten en mente levar a cabo dende hai tempo como é a mellora da zona costeira de Quintáns na parroquia de Isorna.

    Redacción Barbanza