RIANXO > O Bloque Nacionalista Galego conmemorou o pasado sábado o cabodano de Afonso Daniel Rodríguez Castelao cunha serie de actos que tiveron como escenario a súa vila natal, Rianxo. Ata a localidade barbanzá desprazáronse importantes cargos desta formación política, entre eles o seu portavoz nacional, Anxo Quintana.
Os actos organizados polo BNG co gallo do cabodano de Castelao iniciáronse ás doce da mañá na Casa da Cultura Cuartel Vello de Rianxo cun acto público no que interveu o portavoz nacional, Anxo Quintana.
Na súa intervención Quintana falou da proposta nacionalista de reforma do Estatuto de autonomía, asegurando que Galicia é xa unha nación.
O portavoz nacional do BNG ofrecéulles tamén cooperación ás restantes forzas políticas e ó Goberno Central para acadar un pacto de Estado que impulse unha reforma da Constitución para artellar un Estado moderno e plurinacional.
Anxo Quintana volveu a incidir en Rianxo na necesidade de que Galicia teña un papel protagonista na historia e no futuro que se merece baseado en catro puntos: a redacción dun novo estatuto, a creación dunha comisión que elabore un documento de bases consensuado, así como conseguir que o novo estatuto sexa refrendado por tódolos galegos e acada-la máxima participación e aceptación.
Posteriormente efectuouse unha ofrenda floral diante do busto de Castelao, no Paseo da Ribeira, na que participaron tamén destacados membros do Bloque Nacionalista Galego, tanto a nivel galego como da agrupación local e comarcal.
Unha vez rematado o acto o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, arroupado por numerosos militantes e simpatizantes desta formación política a nivel local e comarcal, así como destacados membros do partido, entre eles a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o Secretario Xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, e os deputados Ana Pontón, Carlos Aymerich e Bieito Lobeira, desprazáronse polas rúas da vila ata o Paseo da Ribeira, facendo un alto diante da casa de Castelao na Rúa do Medio.
Logo deste pequeno parón no que dou tempo a falar da tan ansiada casa-museo Castelao en Rianxo, a comitiva continuou a súa peregrinaxe ata o Paseo da Ribeira xunto o busto eirixido na memoria do autor do Sempre en Galiza. Alí celebrouse tamén un pequeno acto presentado polo voceiro do Grupo Municipal do BNG rianxeiro, Xoán Bautista Mariño Abuín, que pronunciou unhas palabras en lembranza do labor a prol de Galicia que caracterizou á figura do político rianxeiro, antes de dar paso á tradicional ofrenda floral.
O acto rematou co himno galego, aínda que os nacionalistas tiñan preparado para despois un xantar de confraternidade que se celebrou nun restaurante da localidade.
Redacción Barbanza