Boiro contará cunha Oficina Comarcal de Vivenda

    BOIRO > O concello de Boiro pretende crear unha oficina comarcal de información e asesoramento sobre vivenda. O novo servizo, que será sufragado pola Xunta de Galicia, terá un ámbito comarcal.

    O goberno boirés busca o local  axeitado para habilitar unha oficina de asesoramento en temas de vivenda.

    O novo servizo, que será de ámbito comarcal e dependerá da Axencia Galega de Acceso á Vivenda, ofreceralle ós veciños da comarca toda a información que precisen para a adquisición ou aluguer dunha vivenda, a condición dos pisos protexidos ou mesmo as liñas de subvención existentes para a rehabilitación de edificios.

    O edil de Urbanismo boirés, Xoán León, indicou que a posta en marcha desta oficina, sufragada e con persoal contratado pola Xunta de Galicia, é fundamental para esta comarca debido ó auxe experimentado nos últimos anos pola construción.

    Por outra banda, o concello de Boiro ten previsto levar a cabo a rehabilitación integral do núcleo rural de Moimenta.

    A actuación, que será levada a cabo en dúas fases, é unha iniciativa pioneira a nivel local co que se pretende elimina-lo feísmo nas aldeas do municipio.

    O executivo boirés que preside Xosé Deira ten previsto iniciar en breve unha actuación en Moimenta coa que pretende a rehabilitación integral da dita aldea.

    A actuación realizarase en dúas fases. A primeira delas terá como obxectivo o acondicionamento das vivendas do casco histórico da aldea, un paso que deberá ser asumido polos propietarios dos inmobles, que contarán co asesoramento e a información sobre as liñas actuais de subvencións dos propios técnicos municipais.

    A segunda fase, a executar polo goberno boirés, será a realización dos proxectos necesarios para o empedrado e a posta en valor das rúas e prazas máis importantes deste núcleo, para o que se agarda poder contar co apoio económico da Xunta de Galicia.

    A rehabilitación do núcleo de Moimenta será o primeiro paso dun ambicioso plan que ten en mente o departamento de Urbanismo boirés que dirixe Xoán León co fin de elimina-lo feismo nas aldeas do municipio, tratando de potenciar nestas zonas o uso de materiais tradicionais como son a pedra e a madeira.

    Redaccíón Barbanza