Nova comisión de tráfico para aumentar a seguridade viaria

    BARBANZA > A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte solicitará á Delegación do Goberno en Galicia a creación dunha comisión que determine as necesidades en materia de seguridade nas estradas galegas. Esta decisión foi adoptada pola conselleira, María Xosé Caride, tras unha xuntanza mantida cos catro subdelegados do goberno na que analizaron os altos índices de sinistralidade rexistrados na rede viaria da nosa comunidade.

    A creación dunha comisión de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria permitirá definir os criterios a seguir por tódalas administracións no relativo a seguridade nas estradas e poñer en marcha actuación que permitan reducir o alto número de accidentes rexistrados en Galicia que, durante o pasado ano, cobráronse duascentas oitenta e seis vítimas mortais.

    Por un lado, a intención da Conselleira é incremetar a dotación de efectivos, tanto humanos coma técnicos, da Dirección Xeral de Tráfico que exerzan labores de vixilancia e control na rede viaria galega.

    Neste sentido, o departamento de Política Territorial está a traballar na elaboración dun Plan de Seguridade Viaria, en colaboración con outras consellerías, que será presentado no primeiro semestre deste ano.

    E precisamente, un dos principais puntos negros da rede viaria galega é a vía de alta capacidade do Barbanza, antiga vía rápida. María Xosé Caride referiuse á necesidade de habilitar medidas de seguridade concretas nesta estrada mentres non se executen as obras de desdobramento para a súa conversión en autovía. entre elas, o incremento dos dispositivos de control co fin de que se respecten os límites de velocidades.

    Polo momento, a representante autonómica xa ten solicitado un estudo pormenorizado das actuacións a desenvolver nesta vía para mellora-la seguridade.

    Nesta liña de traballo, os orzamentos da consellería para este ano destinan unha partida de 31 millóns de euros para actuacións en materia de seguridade viaria. O punto forte será a eliminación de Tramos de Concentración de Accidente, actuación dotada con 3’6 millóns de euros.

    Redacción Barbanza