O PSOE reclama melloras no centro de saúde do Saltiño

    BOIRO> O candidato á alcaldía por esta formación política, Manuel Maneiro, recolle as queixas que lle trasladou o propio persoal e moitos usuarios do dispensario. Dende a agrupación socialista sinalan que non se trata de problemas puntuais. Son deficiencias que veñen xa de antigo, derivadas dun mal mantemento, e que o equipo de goberno, a pesar de ter coñecemento delas, a través das queixas formuladas polo propio persoal ou ususarios do centro, aínda non foi quen de subsanalas. Un dos problemas máis graves atópase na instalación eléctrica. O candidato socialista á alcaldía fixo referencia tamén ó problema dos accesos, tanto pola entrada principal como pola de urxencias, onde existen varios desniveis que mesmo provocaron algunha que outra caída . Segundo el son frecuentes tamén as goteiras e filtracións en varias estancias do dispensario e os problemas dos peches das portas exteriores. Maneiro tamén recolle o malestar do propio persoal do ambulatorio que en máis dunha ocasión, durante a atención dunha urxencia co seu propio vehículo, tiveron que facer fronte ó pago de varias multas por mal estacionamento, polo que lle solicita ó goberno local a entrega dunha tarxeta de aparcamento, para que esta situación non volva a darse.