Compromiso da Xunta cos discapacitados do Barbanza

    RIBEIRA > Representantes da Vicepresidencia da Xunta de Galicia realizaron unha visita á comarca do Barbanza co fin de coñecer de preto o labor realizado polas asociacións de discapacitados asentadas na zona. A secretaria de Benestar Social, María Xesús Lago, e o director de Acción Social, Bieito Seara, visitaron as instalacións de AMICOS e AMBAR  e escoitaron as principais demandas dos seus representantes co fin de manter a liña de colaboración con estas entidades iniciada pola anterior administración.

    As principais asociacións de apoio a persoas discapacitadas existentes na comarca do Barbanza, AMICOS e AMBAR, obtiveron o compromiso da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia de colaboración en distintos proxectos que están a desenvolver as entidades.

    A secretaria de Benestar Social, María Xesús Lago, e o director de Acción Social, Bieito Seara, percorreron as instalacións da Asociación de Minusválidos do Barbanza (AMBAR) ubicadas no polígono de Xarás, en compaña da súa presidenta, Milagros Rey e diversos membros do colectivo.

    O obxectivo era coñecer de preto os recursos dos que dispón actualmente e a súas principais necesidades, para incluílas no Plan de Servizos e Equipamentos da Consellería de Benestar Social.

    Os representantes amosaron grande interese polos proxectos que está a levar a cabo esta asociación, especialmente polo Centro Ocupacional que actualmente se atopa en proceso de construción, grazas a axudas de diferentes administracións como a anterior Consellería de Asuntos Sociais, o Ministerio de Traballo, a Deputación Provincial da Coruña e mesmo a Obra Social Caixa Galicia. Unha vez rematada a visita, a delegación de Vicepresidencia desprazouse ata as instalacións deste centro, para comprobar o avanzado estado das obras.

    Redacción Barbanza