Un veciño ribeirés crea a Asociación de Afectados pola Vía Rápida do Barbanza

    BARBANZA > Na actualidade e cando a Consellería de Política Territorial está a acelera-los trámites para a conversión da Vía Autonómica do Barbanza, coñecida como Vía Rápida, en autovía son máis as persoas que veñen amosa-lo seu malestar pola elevada sinistralidade que presenta esta estrada. Unha destas persoas é Manuel Domínguez, un veciño de Ribeira que vén de da-los primeiros pasos para a fundación da primeira Asociación de Afectados por este vial na comarca.

    Desde a súa inauguración no ano 1994, esta estrada caracterizouse polo alto índice de accidentes, rexistrándose actualmente a cifra de máis de 50 vítimas mortais. O propio Manuel Domínguez sufriu nas súas carnes unha colisión neste vial.

    A Xunta de Galicia mesmo acordou retira-la denominación de “Vía Rápida” para evitar que se puidera considerar unha incitación á velocidade e nos últimos meses aumentou a sinalización desta estrada, con paneis no que se recorda o número de vítimas mortais no vial, co fin de persuadir ós condutores sobre o perigo da mesma ó que moitos chegan a definir como o ‘corredor da morte’.

    Manuel Domínguez ten previsto colaborar conxuntamente con outra asociacion destas características existente a nivel nacional como é ‘Stop Accidentes’, e mesmo non descarta integrarse nela, xa que o fin das dúas entidades é a loita contra o alto índice de accidentes que se rexistran nas estradas.

    Na actualidade a Consellería Política Territorial está a realizar un exame minucioso das distintas propostas presentadas ó concurso para pronunciarse sobre a empresa á que se lle adxudicará o proxecto, unha decisión que podería ou mellor dito debería tomarse de xeito inminente.

    Redacción Barbanza