A Policía Local de Ribeira inicia a segunda fase de reordenación do tráfico

    RIBEIRA > A partir do próximo luns iniciarase a segunda fase de reordenación do tráfico no casco urbano de Ribeira, motivado pola peonalización da rúa General Franco. As modificacións implicarán a prohibición do acceso a esta rúa dende Rosalía de Castro e impedirase ademais a entrada e estacionamento de vehículos na rúa Santa Uxía.

    Esta mesma mañá deron comezo as labores de instalación da nova sinalización, tanto vertical como horizontal, de cara ó vindeiro luns no que se iniciará a segunda fase de reordenación do tráfico. O obxectivo desta medida é mellora-la fluidez do tráfico no centro da vila, despois da peonalización dunha das súas principais arterias circulatorias: a rúa General Franco.

    A partir do luns o acceso a esta rúa quedará cortado dende a rúa Rosalía de Castro. Ó mesmo tempo impedirase o acceso e estacionamento de vehículos á rúa Santa Uxía e soamente quedará autorizada a entrada de vehículos que pretendan acceder ós garaxes.

    Así, os vehículos que pretendan acceder á Praza do Concello terán que facelo dende a rúa General Franco, a Praza Otero Goyanes, situada ó lado da igrexa, ou a rúa de Lugo que alterará o seu sentido da marcha.

    Co obxectivo de facilitar este reordenamento e desconxestiona-la circulación impedirase o estacionamento na Praza Otero Goyanes e no tramo da rúa Cristobal Colón que une a praza coa rúa Lugo.

    A Policía Local solicita a compresión dos veciños para afrontar este proceso que, unha vez normalizado, será beneficioso para tódolos cidadáns.

    Redacción Barbanza