OPMEGA e a Federación Norte en contra das bateas experimentais na ría

    opmega_100_230407.jpgBARBANZA > OPMEGA e a Federación Arousa Norte volveron amosar a súa preocupación pola colocación de bateas experimentais nas rías galegas.

    A colocación dunha batea experimental no polígono de Ribeira hai uns meses desatou as críticas desta parte do sector que considera que se están a fondear estas novas estruturas sen ter en conta a ‘actual saturación das rías’.

    Segundo o presidente de OPMEGA, Esteban Paz, este é só o primeiro paso posto que a ‘Consellería de Pesca estaría tramitando a autorización de novas bateas experimentais’. Estas dúas asociacións de produtores consideran que a colocación destas plataformas debería facerse en cuadrículas ocupadas e non nas vacantes e sempre tendo en conta a opinión do sector.

    Comercialización

    A situación agravariase aínda máis se o producto cultivado nestas bateas saíse á venda. Neste sentido, o presidente de Arousa Norte, Manuel Franco, referiuse a unha xuntanza convocada polo Consello Regulador do Mexillón o pasado 15 de febreiro, na que os asistentes asinaron unha acta para a comercialización da producción deste tipo de bateas, en contra da resolución inicial da Consellería de Pesca que prohibía a venda da producción experimental.

    Os dirixentes dubidan da validez desta acta posto que non está asinada polos responsables da administración autonómica senón por algúns membros do Consello Regulador.

    Os dirixentes de ámbalas dúas asociacións afirman non sentirse representados polo Consello Regulador posto que non están de acordo coa postura do actual presidente que, ó seu parecer, non conta co respaldo de boa parte do sector.

    Mostraxe integral

    Outra das preocupacións destas dúas asociacións é o proceso para a utilización da mostraxe integral, que levan reclamando dende hai moito tempo sen obter resposta da Xunta.

    Así mesmo, o presidente de OPMEGA manifestou tamén o seu malestar pola denegación dunhas axudas por parte da Xunta coas que viña contando a entidade para a realizaci´n dun estudo que tiña como fin minimiza-los efectos da marea vermella no mexillón.

    Redacción Barbanza