VILAGARCÍA > As estatísticas demostran que o número de accidentes nas nosas estradas non é precisamente pequeno. A inxesta de alcohol sumado á velocidade adoitan ser as causas principais nuns sinistros que non sempre destacan pola súa sinxeleza á hora de actuar. Por este motivo Protección Civil de Vilagarcía a maila Policía local organizaron un espectacular simulacro de rescate nun aparatoso accidente. Nós mesmos estivemos en persoa alí durante todo o rescate.
Un rescate que comezou ás seis da tarde pero de tan aparatoso que era o suposto accidente deunos alí a noite. Unha ducia de membros de Protección Civil e mais da Policía Local de Vilagarcía fixeron o espectacular simulacro para que puidéramos ver como se desenvolve un rescate.
Tras simular unha caída de dous vehículos por un barranco, Protección Civil e maila Policía Local puxéronse en marcha. Dende o alto da estrada despregaron medios e comezaron a descender ata o lugar do sinistro. Os axentes baixaron con cordas, cortaron os vehículos e rodearon con escuma as inmediacións para evitar posibles incendios ata que chegaron os sanitarios.
Estes ocupáronse dos supostos accidentados. O primeiro en ser rescatado foi un rapaz, un ferido leve que permaneceu sentado. Pola complicación do propio accidente fíxose preciso o uso dunha grúa cunha padiola para subir e baixar tanto material sanitario coma ós propios feridos. Foi o caso do segundo rescatado que foi inmobilizado e alzado debido á súa gravidade.
Unha hora aproximadamente foi o que durou o rescate dende que chegou Protección civil, a Policía e mailos sanitarios ata que rescataron ó último dos accidentados.
Redacción Salnés