![]()
RIBEIRA > A sorte volveu deixarse caer por Ribeira xa que o sorteo da Lotería Primitiva do sábado deixou na localidade un premio de 2’3 millóns de euros. Os afortunados foron un grupo de mozos ribeireses que xogaban os seis números da combinación gañadora. O boleto fora selado na Administración Número 1 de Ribeira, rexentada por Joaquín Valeiras Martínez, que xa ten repartido varios premios noutras ocasións.
A combinación gañadora que vén de facer millonarios a un grupo de veciños de Ribeira foi a composta polos números 5, 8, 13, 24, 25, 31 e o 22 como complementario. O premio ascendeu ata a suculenta contía de 2.268.000 euros, a repartir entre unha peña de xoves da localidade que levaban, dende hai tempo, apostando á mesma combinación.
Os novos millonarios optaron por permanecer no anonimato e moitas foron as especulacións dos veciños dende que saltou a nova aínda que, a estas horas, a identidade dos gañadores é un secreto a voces.
O boleto foi selado na Administración número 1 de Ribeira, situada na Rúa Colón, nas inmediacións da igrexa da localidade, que esta mañá rexistrou maior afluencia de xente que de costume.
Dende onte, pode verse no establecemento o cartel anunciador do premio que enche de satisfacción ó seu xerente, Joaquín Valeiras. Esta administración xa repartira importantes contías en diversos sorteos; entre eles, un premio especial de tres millóns de euros no sorteo da lotería nacional o pasado novembro de 2002.
A mesma sorte correron en Hospitalet de Llobregat, (Barcelona), La Orotava (Tenerife), Mijas (Málaga) e San Sebastián, onde se selaron os outro catro boletos premiados por este sorteo.
Redacción Barbanza









