POBRA > A comisión executiva da Agrupación Local do PSOE da Pobra do Caramiñal vén de retira-lo seu apoio institucional ós concelleiros do grupo municipal socialista polo incumprimento dos acordos consensuados entre as dúas partes. A decisión vén motivada principalmente pola actuación dos representantes municipais en relación á aprobación do PXOM posto que non informaron á agrupación da celebración do pleno nin respectaron a posición do partido que sempre manifestou o seu rexeitamento á proposta do goberno local.
Os membros da Agrupación Local adoptaron esta decisión no transcurso dunha asemblea debido ó desacordo cos procedementos adoptados polos concelleiros do grupo socialista.
A comisión executiva sostén que os ediles non cumpriron coas directrices do partido que establecía o previo consenso das dúas partes para a toma de decisións no ámbito municipal.
Sen embargo, a agrupación non foi informada da celebración do pleno no que se debateu un tema tan importante como a aprobación do PXOM e os concelleiros decidiron o voto pola súa conta sen ter en consideración a postura maioritaria do partido.
Por estes motivos, a executiva da Pobra decidiu retira-lo apoio institucional ós concelleiros que, a partir de agora, xa non representarán a postura do partido.
A directiva da agrupación xa informou ós afectados da decisión do desmarcarse do grupo municipal, do mesmo xeito que remitiu un escrito ó secretario comarcal do PSOE para que tome as decisións oportunas.
Os membros da executiva local criticaron ademais a resposta dos ediles socialistas que nin sequera asistiron á asemblea para explica-las súas razóns. O único membro do grupo municipal presente na xuntanza foi Xesús Huerta, quen manifestou a súa conformidade coa decisión da directiva.
A decisión da comisión non ten carácter oficial posto que non ten potestade para sancionar nin expulsar ós concelleiros; o seu obxectivo é informar publicamente da desvinculación existente, a partir de agora, entre ámbalas dúas partes.
Á espera de que a executiva comarcal e provincial tomen algunha determinación, a agrupación local agarda que aqueles que non estean dispostos a segui-las directrices do partido sexan quen de presenta-la súa dimisión.
Redacción Barbanza