A executiva comarcal do PSOE sancionará ós concelleiros pobreses

    POBRA > A executiva comarcal do PSOE vén de anunciar que adoptará medidas disciplinares contra os concelleiros socialistas na Pobra, Antonio Moure e Carlos Peleteiro, polo incumprimento de consenso coa agrupación local. A sanción, que posiblemente consista nunha suspensión temporal da militancia, será determinada na asemblea da dirección comarcal que se celebrará a finais de mes. Este castigo non afectará ó edil, Jesús Huerta, que se convertirá no único representante dos socialistas na corporación local.

    As últimos discrepancias xurdidos entre a Agrupación Local e os concelleiros socialistas da Pobra sitúan cada vez máis afastada a posibilidade de chegar a un novo acordo entre ámbalas dúas partes.

    Tralas declaracións da executiva local, nas que anunciaba a súa intención de desmarcarse dos edís, a directiva comarcal vén de pronunciarse tamén anunciando que adoptará medidas disciplinarias contra Antonio Moure a Carlos Peleteiro.

    O secretario comarcal, Blas García, explicou que os dous membros da corporación incumpriron o acordo establecido na última asemblea que esixía unha estreita colaboración coa executiva local á hora de tomar decisións no ámbito municipal.

    Polo momento, a directiva dos socialistas barbanzáns non ten decidido o tipo de sanción a impoñer aínda que posiblemente se trate dunha suspensión temporal da militancia. Neste sentido, Blas García ve difícil chegar a un acordo cos dous concelleiros polo que cre axeitado que presenten a súa renuncia e a acta de concelleiro.

    Segundo explicou o secretario comarcal, a pesar de que ámbolos dóus concelleiros concorreron ás eleccións baixo as siglas do PSOE xa non representan ó partido.

    Redacción Barbanza