BARBANZA > A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ten previsto acometer de xeito urxente unha serie de actuacións dirixidas a mellora-la seguridade na actual Vía de Alta Capacidade do Barbanza co fin de reduci-lo alto número de accidentes que se producen nesta estrada antes da súa conversión en Autovía. Así lle-lo comunicou a conselleira María Xosé Caride ó alcalde de Rianxo nunha xuntanza mantida esta mañá en Santiago.
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes informoulle ó alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, que as medidas a adoptar de xeito urxente estarán recollidas nun informe técnico pormenorizado que xa solicitou á Subdelegación do Goberno da Coruña e que elaborará a Xefatura Provincial de Tráfico en colaboración coa Garda Civil de Tráfico. Este informe podería estar rematado ó longo do vindeiro mes de febreiro para iniciar posteriormente as actuacións propostas.
Ademais de medidas como a instalación de medianeiras nalgúns tramos desta estrada ou a mellora da sinalización horizontal e vertical, a conselleira tamén lle comunicou ó alcalde que vén de solicitar á Dirección Xeral de Tráfico e a Delegación do Goberno que se incremente o número de efectivos destinados ó control nesta estrada como medida de prevención dos accidentes.
Durante a reunión a titular de Política Territorial tamén lle informou ó alcalde de que os trámites para adxudicación das obras de construción da futura autovía seguen os pasos previstos, polo que a finais deste mes de xaneiro pode estar resolto definitivamente o concurso.
Redacción Barbanza