Ribeira convértese no primeiro concello de Galicia en asinar o novo convenio do transporte público

RIBEIRA> Ribeira presentou esta mañá o novo regulamento que rexerá o servizo de transporte público no municipio. É froito do convenio asinado coa Dirección Xeral de Mobilidade. Comezará a aplicarse a partir de marzo e nel prevese a introdución de descontos e bonificacións moi significativos.

O alcalde, Manuel Ruíz, compareceu en rolda de prensa para avanzar algúns dos aspectos máis importantes do novo regulamento do transporte público no municipio, froito do convenio que o Concello vén de asinar coa Dirección Xeral de Mobilidade. Responde á necesidade de establecer un novo modelo en base ós cambios nas liñas de autobús introducidos pola Xunta co seu Plan de Transporte e o cambio da empresa concesionaria que dá este servizo no municipio.

Comezará a aplicarse a partir de marzo e implicará un investimento municipal inicial neste primeiro ano duns 50 mil euros.

Segundo o alcalde o novo convenio introducirá cambios importantes nas bonificacións e descontos ós viaxeiros, algunha delas moi significativa. As persoas en risco de exclusión non pagarán, como tampouco o farán os estudantes menores de 21 anos..o resto poderá viaxar por menos de un euro.

Dáse a circunstancia de que Ribeira será o primeiro concello de Galicia en asinar este convenio.