O BNG do Barbanza interésase polas melloras na vía rápida proxectadas pola Xunta

    BARBANZA > O BNG do Barbanza vén de solicitar a comparecencia da conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, para dar a coñecer as medidas de seguridade que se pretenden acometer na vía rápida do Barbanza, mentres non se executan as obras de desdobramento desta estrada en autovía. Os nacionalistas consideran que esta actuación debe ser levada a cabo de xeito urxente debido á alta sinistralidade que rexistra esta estrada.

    Os nacionalistas barbanzáns consideran que o incremento de seguridade na Vía de Alta Ocupación é un tema de grande importancia polo que solicitan a comparecencia da Conselleira de Política Territorial para abordar o tema. A intención do BNG é coñecer a fondo en que van a consistir as melloras proxectadas pola administración autonómica e os prazos nos que se ten previsto executalas.

    Así mesmo, os representantes comarcais do BNG consideran que a velocidade e a imprudencia dos condutores non son as causas principais dos accidentes senón que hai que ter en conta as deficiencias técnicas da propia vía. A este respecto, a deputada autonómica Ana Pontón vén de presentar unha iniciativa no Parlamento sobre os aspectos a incluír no estudo sobre a sinistralidade da vía, as medidas de acción e os prazos para levalas a cabo.

    Neste sentido, a conselleira de Política territorial, María Xosé Caride, informou onte durante unha xuntanza mantida co alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, de que o estudo podería estar rematado o próximo mes e as principais medidas consistirán no aumento da sinalización, colocación de medianeiras en certos tramos e reforzo dos controis e vixilancia.

    Por outra banda, os nacionalistas expresaron a súa vontade de que se adxudiquen canto antes as obras da autovía e que se cumpren os prazos anunciados pola Consellería.

    Redacción Barbanza