O proxecto da ronda de Sanxenxo está listo para a súa aprobación provisional

    SANXENXO > A Xerencia de Urbanismo de Sanxenxo tratará a aprobación provisional da Avenida Aviador Piñeiro. O goberno trasladaralle a proposta á oposición xunto cos informes técnicos emitidos polo secretario, o interventor e o arquitecto municipais. Nese proxecto inclúense xa as alegacións que foron presentadas durante o prazo de exposición pública.

    O goberno local de Sanxenxo leva ó Consello da Xerencia de Urbanismo a proposta de aprobación provisional da Avenida Aviador Piñeiro, máis coñecida como a ronda de Sanxenxo. Hai que recordar que se trata do proxecto administrativo xa que o constructivo, onde se especificará máis pormenorizadamente todo o plan, farase despois de que remate toda a tramitación. O documento que lle será entregado á oposición incluirá as alegacións que foron aprobadas. Foron 6 das 109 presentadas durante o mes que durou a exposición pública. Agora o proxecto irá á comisión de urbanismo e ó pleno para ser aprobado provisionalmente e remitirase a Política Territorial para que resolva en 3 meses. 

    Por outra banda o Concello de Sanxenxo paralizou as obras do supermercado Día, despois de que o BNG denunciara que non se axustaban á legalidade. Segundo o escrito emitido polo secretario en funcións, as obras da Distribuidora Internacional de Alimentación non se axustan ás determinacións da licenza municipal. Recorda ademais que as obras xa foran paralizadas por este motivo e retomáronse despois de que a empresa prometera correxi-las deficiencias, algo que a día de hoxe non fixo. Agora terá tres meses para legaliza-lo executado ou procederase á súa demolición.


    Redacción Salnés