POBRA > O concello da Pobra do Caramiñal está a levar a cabo un plan de acondicionamento dos camiños e pistas rurais existentes en varias parroquias do municipio, concretamente en Santa Cruz de Lesón e Postmarcos, co fin de mellora-lo seu estado e darlle así un mellor servizo ós veciños. A actuación, iniciada hai uns días pola empresa Nemesio Ordoñez, ascende a máis de 76 mil euros.
A empresa Nemesio Ordoñez iniciou hai uns días as obras de acondicionamento e mellora de varios camiños e pistas nas parroquias de Santa Cruz de Lesón e Postmarcos.
O custe total da actuación ascende a máis de 76 mil euros, que serán financiados con cargo ós presupostos municipais do presente ano.
Entre os camiños que están a ser arranxados figuran na parroquia de Santa Cruz a pista de Lesón a Tarrío, o camiño da Granxa a Baltar ou o das Romeiras.
Tamén se mellorarán con cargo a este plan de actuación os camiños de Petón de Sisto a Potocarro e de Vilariño a Casás e Pumadiño na parroquia de Postmarcos.
A intención do executivo local é conseguir que a totalidade das pistas do rural estean nunhas condicións óptimas para darlle un mellor servizo ós veciños.
Por outra banda a brigada de obras municipal está a levar a cabo tamén a limpeza das cunetas e as marxes das estradas en tódalas pistas do concello. Despois de rematar a zona do camiño ancho, Pontenaveira e a Figueira os operarios municipais están a actuar nas zonas de Lesón, Vilares e Pedriñas.
Redacción Barbanza