Medio Rural entrega as obras de peche a asociacións de gandeiros do Barbanza

    conveniomontes_100_030806.jpgRIBEIRA > A delegada provincial de Medio Rural desprazouse este xoves ata Boiro para facer entrega das obras de peche a varias asociacións de gandeiros que chegaron a acordos coas comunidades de montes. O obxectivo destes convenios é compaxinar a actividade agrogandeira cos usos forestais dos montes, favorecendo o aproveitamento integral da superficie comunal na serra barbanzá.

    Na sinatura dos convenios que tivo lugar no Centro Social de Boiro procedeuse á entrega de tres peches que afectan ás comunidades de montes de Goiáns, Noal, Nebra, Camboño, Oleiros, Balteiro, Runs, Teaño e Vitres nos concellos de Porto do Son, Lousame, Ribeira e Boiro. Estes tres cercados veñense a sumar ós xa entregados recentemente que afectan á comunidade de montes de San Isidoro de Posmarcos na Pobra e á Rivasieira no Son.

    Mediante estes acordos entre gandeiros e comuneiros, a Consellería de Medio Rural pretende acadar un aproveitamento ordenado dos montes, compatibilizando os usos forestais coa actividade gandeira. Neste sentido, os convenios establecen a cesión por parte das comunidades de montes dunha parcela de terreo ós gandeiros para o seu aproveitamento, que deberán permanecer cercadas. As asociacións de gandeiros faranse cargo do seu mantemento e limpeza e entregarán unha serie de contraprestacións preestablecidas en cada un dos convenios.conveniomontes_200_030806.jpg

    Segundo explicou a delegada provincial de Medio Rural, Olga María García Agra, a adopción destes acordos permitirá poñer fin a un conflito histórico existente na serra do Barbanza. Así mesmo, esta medida tamén forma parte da política contraincendios desenvolvida por Medio Rural posto que, en moitos casos, os conflitos entre gandeiros e comuneiros atopábase na raíz dos lumes forestais.

    Os acordos asinados este xoves non serán os únicos que levará a cabo a administración autonómica posto que xa se están a perfilar outros convenios que afectan á maior parte das comunidades de montes barbanzás.

    Redacción Barbanza