Nove mortos e catro desaparecidos, último balance do naufraxio do ‘Agos Georgia’

BARBANZA> O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, comezaba a súa comparecencia esta mañá facendo balance dos últimos datos do naufraxio.

Segundo el confírmase que eran 27 tripulantes. 10 deles españois, 8 rusos, 5 indonesios, 2 uruguaios e 2 peruanos. Dese total hai 14 superviventes, 9 falecidos e 4 mariñeiros desaparecidos.

Arestora os superviventes, con lesións leves, están a ser atendidos nun hospital das illas Malvinas, mentres na zona do afundimento continúa a busca dos mariñeiros desaparecidos, nunhas condicións moi desfavorables.

Blanco informou tamén que dende un primeiro momento o Goberno mantivo unha canle de comunicación coas familias, ás que se está a informar das novidades do rescate.

En canto á repatriación, tanto dos superviventes coma dos mariñeiros falecidos, informou de que xa mantivo contactos coa armadora do barco, e o que o Goberno Central está a poñer todos os medios ó seu alcance para poder facela canto antes.

Tamén informou da apertura dunha investigación para determinar as causas do fatal desenlace que levou ó afundimento do ‘Argos Georgia’. Segundo el as primeiras hipóteses apuntan a unha vía de auga no casco.