O Polígono de Xarás contará cun plan de seguridade para evitar os roubos

    RIBEIRA > A Asociación de Empresarios de Ribeira desenvolverá un plan de seguridade no polígono industrial de Xarás para facer fronte ó incremento dos roubos rexistrado nos últimos días. Con este obxectivo, a patronal xa iniciou as negociacións coa empresa Segur Ibérica que realizará un informe sobre a viabilidade da posta en marcha do plan.

    A xunta directiva da Asociación de Empresarios do Barbanza mantivo unha reunión cos representantes da empresa Segur Ibérica, para acorda-la posta en funcionamento dun plan de seguridade no polígono en Xarás. Esta decisión vén motivada pola oleada de roubos rexistrada ultimamente no recinto industrial que xerou unha gran preocupación entre o sector empresarial do municipio.

    Os membros da patronal reuníronse onte con representantes da compañía de seguridade. Segundo explicou o seu xerente territorial, Angel Esteban del Estal, o primeiro paso será a elaboración dun estudo de viabilidade e caracterísitcas do plano de seguridade.

    Unha vez presentado o informe, a patronal establecerá un acordo coa compañía polo cal as empresas integradas no Centro Comercial Aberto Viamare obterán vantaxes económicas para a revovación dos seus equipos de seguridade.

    Tras esta primeira reunión cos responsables de Segur Ibérica, a directiva da patronal ribeiresa ten previsto entrevistarse cos propietarios das parcelas do parque industrial para informalos desta iniciativa e coñecer ademais as necesidades e deficiencias das naves en materia de seguridade.

    A implantación de equipos anti-roubo e a contratación de axentes de seguridade no parque empresarial son algunhas das actuacións que se contemplan para este plan de seguridade que a patronal agarda iniciar canto antes.

    Redacción Barbanza