Fernández Moreda interésase en Boiro pola principais demandas dos cidadáns

    BOIRO > O Presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, realizou esta mañá unha visita ó concello de Boiro para comprobar ‘in situ’ o estado de varios proxectos financiados polo órgano provincial no municipio. A corporación municipal deu a benvida ó representante provincial nunha recepción oficial á que tamén asistiron numerosos membros do movemento asociativo de Boiro.

    Os membros da corporación municipal aproveitaron a visita de Salvador Fernández Moreda para expresarlle o seu agradecemento pola importante inversión que leva feito a Deputación coruñesa en Boiro dende que o socialista ostenta a presidencia.

    Ademais das felicitacións polo traballo realizado, o executivo boirés plantexoulle novas inquietudes como o proxecto de mellora do vial de acceso a Neixón ou a construción dunha rotonda no enlace da estrada Boiro-Noia coa AC-305.

    A este respecto, o titular provincial comunicou ós membros do goberno local que o proxecto da rotonda xa foi encargado e referiuse tamén á variante de Mieites, que podería estar rematada nun prazo aproximado de dous ou tres meses. Así mesmo, anunciou que se está elaborando o anteproxecto para a realización dunha nova variante nesta estrada, no tramo de Moimenta, co obxectivo de aumenta-la seguridade.

    Fernández Moreda quixo destacar tamén a importante labor do Parque Comarcal de Bombeiros de Boiro, que no seu día fora financiados pola Deputación, e que actualemente presta un eficaz servizo  con 422 intervencións dende a súa creación e un tempo medio de resposta de 10’12 minutos.

    Pola súa banda, o alcalde, Xosé Deira valorou moi positivamente o feito de que o presidente da Deputación acudise ó municipio a comprobar en persoa as necesidades dos veciños de Boiro.

    Fernández Moreda anunciou que, dende a Deputación, seguirá a invertirse tendo en conta as demandas dos cidadáns con independencia da cor política de cada concello.

    Redacción Barbanza