RIBEIRA > Membros do PSOE de Ribeira presentaron un estudo para acometer o proxecto de ampliación do porto exterior da localidade.
Segundo os socialistas o seu proxecto ten un menor impacto ambiental e é máis funcional que a alternativa presentada no seu día polo Partido Popular, sendo ademais menos agresiva para os bancos marisqueiros.
O voceiro do Partido Socialista en Ribeira, Xosé Vicente Domínguez, deu a coñece-lo estudo encargado pola súa formación para a ampliación da dársena exterior e que foi reralizado por un enxeñeiro de camiños e o práctico do porto de Vigo.
O proxecto recolle o aproveitamento do actual peirao, ó que se lle engadiría unha liña exterior de atraque, así como habilitaríase un heliporto e un centro de control da calidade do medio mariño.
A presentación do estudo ós medios realizouse despois de darllo a coñecer tanto ós responsables de Portos de Galicia coma ós membros da Confraría de Pescadores de Ribeira, os máis perxudicados polo proxecto de ampliación da dársena.
O proxecto levaría aparellado a construción tamén dunha estrada de circunvalación que non sería de uso exclusivo para o porto. Este vial suporía en palabras de Xosé Vicente Domínguez o despegue urbanístico da cidade.
O voceiro socialista sinalou que o proxecto de ampliación do porto será unha realidade e será confirmado pola Xunta de Galicia en breve.
Redacción Barbanza