Costas tentará conciliar os intereses marisqueiros e turísticos en Barraña

    BOIRO > Co fin de analiza-lo proxecto de rexeneración da praia de Barraña que se atopa en período de exposición pública, o Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, achegouse esta mañá a Boiro para manter unha xuntanza con representantes da Confraría de Pescadores e das Asociacións de Mexilloeiros da localidade. O sentido da reunión non era outro que tratar de concilia-los intereses marisqueiros e os turísticos.

    A primeira das xuntanzas de traballo de Rafael Eimil no concello de Boiro producíase con representantes da Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz. Na mesma participaron ademais do alcalde, Xosé Deira, e os Tenentes de Alcalde, Xoán Xesúa Ares e Manuel Velo, o Patrón Maior, Carmelo Vidal, e a Presidenta da Agrupación de Mariscadores a Pé, Hermitas Pérez.

    O Xefe da Demarcación de Costas en Galicia solicitoulles a colaboración e participación dos biólogos do pósito no proxecto de rexeneración da praia de Barraña, cando se están a da-los últimos pasos para levalo adiante.

    Cómpre sinalar que a actuación prevista para este areal veuse xa mellorada con respecto ó orixinal, duplicando o orzamento do proxecto co obxectivo de preserva-los bancos marisqueiros alí existentes.

    A segunda das xuntanzas de Rafael Eimil en Boiro foi con representantes das distintas asociacións de mexilloeiros da localidade co fin de exporlle diversas alternativas relacionadas coa construción e reparación de bateas nas praias.

    A intención da Demarcación de Costas pasa fundamentalmente por centraliza-la industria bateeira, de gran importancia neste municipio, nunha zona en concreto. A zona elixida pode se-la praia de Angados, no Chazo, aínda que esta ubicación non é definitiva.

    Redacción Barbanza