RIBEIRA > A directiva do Centro Empresarial da Construción do Barbanza presentou esta mañá o programa da feira ‘Preventiva 2006’ que se desenvolverá en Ribeira os días 10, 11 e 12 de Febreiro. Nesta segun da edición o salón contará cunha carpa de mil metros cadrados nas que se situarán os expositores de varias empresas. No marco de Preventiva, organizaranse ademais tres conferencias sobre a prevención de riscos laborais e unha serie de obradoiros e representacións prácticas.
Cun claro espírito innovador, o concello de Ribeira acollerá durante a segunda fin de semana de febreiro a segunda edición do Salón Preventiva que pretende converterse nun referente en materia de seguridade laboral.
Este ano, a carpa instalada no malecón medirá mil metros cadrados e acollerá no seu interior os stands de diversas empresas e entidades que exporán as últimas novidades en materia de seguridade.
O programa complementarase con tres conferencias que se desenvolverán no auditorio municipal. A primeira delas, que versará sobre a Lei da Prevención, desenvolverase o venres 10 ás doce da mañá a cargo de Francisco Javier Nores Quesada, representante da Dirección Xeral de Seguridade e Saúde da Xunta. Ás cinco da tarde serán o enxeñeiro industrial, José Manuel Blanco, e o especialista médico en medicina de traballo, Emilio Pozas, os encargados de aborada-lo tema da Vixilancia da Saúde e Exposición ó Ruído no Traballo.
Na xornada do sábado analizaranse as ‘Responsabilidades na subcontratación e coordinación das actividades no sector da construción’.
Como novidade, a feria acollerá este ano diversos obradoiros prátcicos así como a realización de representacións de intervencións e simulacros de accidentes. Neste apartado, está prevista a presencia de cans adestrados para localizar a persoas en caso de derrubamentos.
Os cambios introducidos nesta segunda edición buscan facer máis atractiva esta feira a través da innovación. A directiva do Centro da Construción amósase moi optimista e agarda un alto índice de participación no salón, superior ó da pasada edición. Neste sentido, o presidente do CECB lembrou a necesidade de combater as altas tasas de sinistralidade laboral a través da concienciación de tódolos sectores da sociedade.
Redacción Barbanza