As escolas deportivas da Pobra ofertan unha vintena de disciplinas para nenos e adultos

A POBRA> Ampla oferta deportiva na Pobra para este inverno. A colaboración entre a concellería de Deportes e os clubs do municipio permitirá contar con 19 disciplinas para nenos e adultos. Haberá programación específica para a terceira idade.

No mes de outubro botarán a andar as escolas deportivas da Pobra. O concello xestionará directamente as actividades de educación física de base e fútbol sala para os máis pequenos.

Grazas á colaboración dos diferentes clubs deportivos disporán tamén de artes marciais, atletismo, baloncesto, fútbol, patinaxe artística, remo, tenis, tenis de mesa, xadrez, tiro con arco e voleibol. Os adultos poderán anotarse en diversas disciplinas, algunhas específicas para a terceira idade.

As actividades desenvolveranse nas instalacións dos propios clubs ou nos polideportivos municipais, unha vez finalizada xa a reforma do pavillón de Venecia.

As preinscricións poderán realizarse a partir do 20 de setembro na casa da cultura Raquel Fernández Soler. Non haberá que realizar o pagamento ata a confirmación da matrícula.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí