VILAGARCÍA > Esquerda Unida de Vilagarcía vén de facer pública unha pregunta que formulará no vindeiro pleno de Vilagarcía. O voceiro do grupo político dirixirase ó equipo de goberno sobre o posible uso dos medios humanos e técnicos de Protección Civil con fins particulares.
Juan Fajardo pon como exemplo un caso concreto: o do corte de árbores e acondicionamento na mañá do martes nunha finca privada na Zona da Lomba en Vilagarcía, que segundo o edil pertence a un destacado membro do PSdeG. Critica que os medios do concello poidan estar sendo usados con fins privados.
Pola súa banda, Protección Civil, asegurou que se trata dunha actuación en base a unha ordenanza municipal que contempla a actuación de oficio do concello naquelas propiedades privadas que invadan as zonas públicas e que prexudiquen ó conxunto dos cidadáns previa apertura de expediente e posterior aplicación dos portes correspondentes.
Neste caso concreto aseguraron, ademais, que quen figura no expediente que lles foi remitido como propietario da finca na que se acometían os servizos esta mañá non se corresponde con membro ningún do partido socialista.
Redacción Salnés