O executivo boirés informará ós veciños de Cabo de Cruz sobre o Plan Parcial

    BOIRO > Mañá xoves ás oito da tarde no Bar Mavi o executivo boirés informará ós veciños de Cabo de Cruz sobre o desenvolvemento do futuro Plan Parcial que vai levarse a cabo na localidade. A convocatoria estará aberta a tódolos veciños que o desexen.

    Despois de informar ó grupo da oposición, o Partido Popular, ós membros da Xunta Directiva da Asociación de Veciños A Unión e os empresarios da construción, o executivo boirés ten previsto presentarlle o proxecto do Plan Parcial de Cabo de Cruz ós veciños da localidade, que en definitiva son os verdadeiramente afectados.

    Por esta razón o edil de Urbanismo, Xoán León, fixo un chamamento a tódolos veciños a que participen neste acto que terá lugar mañá xoves ás oito da tarde no Bar Mavi.

    O alcalde Xosé Deira sinalou que o desenvolvemento deste Plan Parcial é urxente para os veciños de Cabo de Cruz.

    A actuación consiste fundamentalmente na urbanización dunha superficie de 148 mil metros cadrados coa construción dunhas 700 vivendas, tanto unifamiliares como colectivas e de protección oficial. As zonas verdes ocuparán preto de 53 mil metros cadrados, divididas en espazo público con 35 mil metros cadrados e zonas privadas nunha extensión de case 18 mil metros cadrados.

    Así mesmo, o proxecto contempla a ampliación dos viais establecendo unha conexión entre o antigo núcleo rural e o novo espazo a edificar.

    O plano desenvolverase mediante o sistema proposto pola nova Lei do Solo de Galicia que establece a cesión de terreos privados a cambio da súa edificabilidade. Deste xeito, os propietarios cederán unha parte proporcional para o espazo público conservando en propiedade a parte correspondente edificada.

    Redacción Barbanza