Os actos vandálicos se repiten cada fin de semana na Illa e Cambados

    ILLA / CAMBADOS > As noites desta fin de semana foron moi movidas para os veciños da Illa. Grazas  a eles identificáronse os responsables dos disturbios que como xa veñen sendo habituais provocaron o malestar dos habitantes do concello esta fin de semana. Só un dos identificados declarou na oficina da Policía Local. En Cambados a policía rexistrou  varias denuncias a veciños da comarca por insultar os axentes durante a movida cambadesa.

    Os catro mozos identificados foron denunciados polos veciños da zona. Parece ser que formaban parte dun grupo que durante a noite do sábado se dedicou a virar e mover varios contedores nas rúas Ribera do Chazo e A Torre. As bolsas do lixo foron espalladas o longo do concello, deixando o rastro por onde pasaban.  A Policía Local citou os rapaces para comparecer aínda que só apareceu un dos identificados. Todo parece indicar que os mozos celebraban unha festa no baixo dun edificio da rúa A Torre xa que era o aniversario dun dos identificados. Despois do botellón comezaron os actos vandálicos orixinados, o parecer, polo exceso de alcol inxerido. Os veciños da zona amosaron o seu malestar por estes feitos que veñen sendo habituais as fines de semana e piden  máis vixilancia neses días.

    En Cambados a fin de semana deixou varias denuncias interpostas pola propia Policía Local a veciños da comarca por insultar os axentes. Un primeiro caso sucedeu durante a noite do sábado, o denunciado foi un veciño da vila de 27 anos. O domingo os axentes chamaron a atención ós donos duns vehículos mal aparcados cando un deles se encarou coas forzas de seguridade. O longo da movida, identificáronse máis dunha ducia de rapaces que realizaban o denominado “botellón” e o domingo denunciouse a un rapaz que levaba un gramo de haxix, o parecer para consumo propio. Uns actos que parecen se repiten cada fin de semana en toda a comarca ante o asombro de veciños e policía.

    Redacción Salnés