POBRA > A Deputación Provincial da Coruña vén de habilitar unha partida de máis de 38 mil euros para o adecentamento do Cine Elma da Pobra do Caramiñal. A contía será destinada fundamentalmente ó arranxo da cuberta do edificio, a instalación dun novo sistema eléctrico e fontanería, así como o arranxo das butacas.
A visita dos técnicos da Deputación da Coruña ó Cine Elma producíase a finais do mes de outubro. Van alá dous meses e o organismo provincial vén de cuantificar en máis de 38 mil euros a inversión a realizar neste edificio co fin de arranxa-las deficiencias detectadas no informe.
O alcalde Isaac Maceiras amosou a súa satisfacción pola nova que suporá a realización dun plan de choque para frea-lo imparable proceso de desgaste que sofre o edificio.
Nas obras, que se acometerán dun xeito urxente, figura o arranxo da cuberta do edificio, a instalación dun novo sistema eléctrico e fontanería, uns novos aseos, o arranxo da carpintería e as butacas, así como o pintado interior e exterior do edificio.
Aínda así a intención do executivo pobrés pasa por ir máis alá e conseguir o financiamento necesario para acometer unha reforma integral do edificio. Despois de falar coa Deputación o alcalde non descarta buscar financiamento noutras administracións.
A mellora do actual Cine Elma é unha necesidade perseguida dende hai tempo polo concello pobrés, dado a falla de edificios axeitados para acoller actos de gran magnitude e nos que sería necesario dispor dun gran aforo.
Redacción Barbanza