Detido un veciño de Escarabote por cultivo de marihuana

    BOIRO> A Garda Civil localizou unhas once plantas de marihuana nunha finca da súa propiedade no lugar de Vistaverde. No marco da denominada operación ‘Vistaverde’, axentes da Garda Civil de Boiro procederon á detención dun veciño da localidade, con iniciais J.L.O.I., de 40 anos coma presunto autor dun delito de cultivo e elaboración de droga. As investigacións realizadas deron como resultado o comiso dunhas once plantas de marihuana que o prendido cultivaba nunha finca da súa propiedade situada no lugar de Vistaverde, en Escarabote. No operativo tamén se lle incautou dunha caixa que contiña ó redor de cincocentos gramos de brotes desta planta. Segundo informaron fontes do propio Instituto Armado o valor da marihuana incautada podería acadar os 6.200 euros. Os feitos xa foron postos a disposición do Xulgado Número 1 de Ribeira que é o que instrúe as dilixencias.