![]()
RIANXO > O responsable comarcal da CIG-Administración Pública, Adolfo Muíños, xunto con varios funcionarios do concello de Rianxo, fixeron entrega no rexistro xeral desta localidade un prego de sinaturas para demandar un acordo regulador para os traballadores municipais.
Dos dezanove funcionarios do concello de Rianxo, dezasete asinaron este documento que lle foi entregado por rexistro e no que se vén a demandar un acordo regulador para o persoal funcionario.
Segundo Adolfo Muíños, responsable comarcal da CIG-Administración Pública, atribucións como a determinación e aplicación das retribucións dos funcionarios públicos, a clasificación de postos de traballo ou a preparación e diseño dos postos dos plans de oferta de emprego público, entre outras, malia a estar amparadas en varias sobre a negociación colectiva dos funcionarios públicos, en Rianxo están a ser realizadas por decreto da alcaldía, da xunta de goberno ou por acordo plenario, seun unha negociación real e un diálogo fluído cos traballadores.
Segundo confirmou o responsable da CIG unha copia desta reivindicación entregada no concello rianxeiro seralle remitida ó Conselleiro da presidencia para darlle a coñecer esta situación anormal de falta de negociación para determinar as condicións de traballo do persoal funcionario en Rianxo, despois de anos de solicitudes e sen que o equipo de goberno fixera nada por remedialo.
Adolfo Muíños sinalou ademais que de persisitir esta actitude contraria ó diálogo, a CIG ten previsto no prazo dun mes solicitar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para que dunha vez por todas lle poña fin a esta situación, mediante unha arbitraxe externa a través do procedemento establecido no Acordo Interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo.
Dase a circunstancia que o concello rianxeiro é o único na comarca do Barbanza que non conta cun convenio para os traballadores municipais, despois de que fora aprobado en Ribeira, Pobra do Carmiñal, Boiro ou Porto do Son.
Redacción Barbanza









