PORTO DO SON> Despois de sete anos, o festival Rompetiño é hoxe unha das citas obrigadas no calendario da cultura urbana, non só de Galicia, senón tamén de fóra.
Co paso das edicións son cada vez máis os mozos que se achegan a primeira fin de semana de xullo ata a vila sonense para desfrutar cos espectáculos e as actuacións de música urbana e electrónica máis destacadas do momento.
Este ano ademais, coma novidade, o evento adquirirá un carácter máis internacional.
Pero non só iso, tamén haberá un apartado importante para os deportes alternativos, con exhibicións e competicións deportivas de BMX, skate, parkour, baloncesto 3×3 e breakdance, entre outras.
Ademais de distintas empresas, como é o caso da cervexeira Mahou, que o incluíu na súa xira de concertos VibraMahou, este ano o Festival conta tamén co respaldo institucional da Xunta a través da Secretaría Xeral para o Deporte, e a AGADIC, a Axencia Galega das Industrias Culturais.
Dende o Concello tamén ven con bos ollos a celebración do Festival, e que a organización siga apostando por Porto do Son para a súa montaxe.