POBRA > A resposta da Policía Local da Pobra tralas declaracións formuladas polo BNG sobre a falla de persoal no corpo non se fixo agardar. O xefe da Policía Local, Luís Gigirey, indicou que se trata dunha situación transitoria motivada polas baixas de catro axentes pero que, en ningún caso, están descubertos os servizos que se lle deben garantir ós cidadáns.
Luís Gigirey indicou que as baixas e días libres dalgúns axentes obrigaron á reducción de persoal nalgúns turnos. Sen embargo, isto non afecta ó cumprimento das tarefas da policía posto que traballan en colaboración co posto da Garda Civil, prestando tódolos servizos que deben realizar. Neste sentido, o xefe da Policía Local declarou estar moi satisfeito coa labor do corpo municipal e referiuse ó feito de que o índice de delincuencia na Pobra é moito máis baixo que noutros concellos.
Luís Gigirey referiuse tamén ás declaracións formuladas pola voceira do grupo municipal do BNG, Rosana Pérez, nas que aseguraba que a Policía Local carecía dalgúns equipamentos. Segundo o xefe da Policía Local, os axentes están satisfeitos xa que contan cos medios necesarios para desempeñar o seu traballo.
O xefe da Policía Local explicou tamén que as horas extra que aínda non foran remuneradas, realizadas durante as festas do Nazareno, serían aboadas este mes. Con respecto ás baixas, Luís Gigirey confía en que os axentes se reincorporen nun breve periodo de tempo para poder contar coa plantilla ó completo.
Redacción Barbanza