Arousa Norte e Turismo de Galicia renovan o seu convenio de colaboración

POBRA DO CARAMIÑAL> A directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, asinaba xunto co actual presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, o convenio de colaboración entre as dúas entidades, que permitirá o desenvolvemento de distintas accións de promoción turística nos catro concellos que forman parte da entidade supramunicipal. O acordo, con carácter bianual, suporá un investimento por parte da Xunta duns 200 mil euros e xirará ó redor de catro liñas mestras: a accesibilidade universal aplicada a promoción turística, o turismo deportivo e a natureza, o turismo gastronómico e a promoción do destino Arousa Norte. Unha promoción turística que Arousa Norte quere vincular tamén, coa axuda da Axencia Galega de Turismo, da traslatio como atractivo turístico vinculado ó xacobeo. E que mellor forma de promocionar esta iniciativa que navegar a bordo dunha embarcación tradicional pola Ría de Arousa, rememorando precisamente a ruta do Apóstolo cara a Compostela.