![]()
POBRA > O PSOE da Pobra vén de denunciar a falla de saneamento en certos núcleos rurais do municipio o que obriga ós veciños a financiar o baleirado das fosas sépticas cos seus propios fondos. Os socialistas consideran que este feito reflexa unha clara discriminación por parte do concello de cara ó rural polo que instan ó executivo a facerse cargo das tarefas de evacuación.
Os socialistas estiman que soamente o 30 por cento do concello conta cunha rede de saneamento que funcione correctamente. As deficiencias afectan principalmente ós núcleos rurais como é o caso dos Areos, Lombiña, A Laxe, Garita ou Cabío. Segundo explican os representantes da Agrupación Local, moitos veciños destas zonas teñen costear o baleirado das fosas séptica, que oscila entre os 9 e os 20 euros, dos cales preto de tres euros corresponden ó servizo da depuradora que, segundo os socialistas, non funciona axeitadamente.
Dende o PSOE enténdese este feito como unha clara discriminación dos residentes nestas zonas que deberían contar co correcto servizo estipulado pola lei. Por este motivo, instan ó goberno municipal a facerse cargo dos custos derivados do baleirado dos pozos negros para liberar ós veciños dun gasto que non lles corresponde.
O PSOE pobrés considera que esta desigualdade entre veciños deriva da forma de facer política do rexedor local, Isaac Maceiras, ó que acusan de favorecer sempre ós mesmos en detrimento do interese xeral. Así mesmo, o secretario xeral da Agrupación Local, Xosé Manuel Suárez, sinala o malgasto do diñeiro público levado a cabo polo executivo posto que apenas existen orzamentos para servizos fundamentais ademais das supostas débedas acumuladas polo concello.
Por outra banda, a secretaria xeral de Medio Ambiente, Teresa García, fíxose eco das queixas de gran parte dos veciños afectados polos malos olores rexistrados nos arredores do novo mercado municipal. A socialista insta ó alcalde a arranxa-las conexións defectuosas na rede de sumidoiros para evitar molestias a rsidentes e traballadores da zona.
Redacción Barbanza










