POBRA > A ubicación da sé social do Club Náutico da Pobra do Caramiñal segue a xerar polémica entre diversos sectores do municipio. A Agrupación Local do PSOE mantivo unha reunión co presidente de Portos de Galicia para expoñerlle a necesidade de que o novo edificio non ocupe espazo público de xeito que prexudique ó sector productivo da mar.
Os socialistas pobreses xa presentaran unha alegación ó proxecto presentado polo Clube Náutico que emprazaba a cafetería da entidade así como unha escola de vela no muelle antigo. Os membros da Agrupación Local opuxéronse a esta ubicación posto que as novas instalacións ocuparían unha boa parte do espazo destinado á circulación e estacionamento de vehículos dos traballadores da mar.
Na actualidade, as posibilidades que barallan sitúan ó edificio na nova explanada portuaria, detras da alameda; lugar que tampouco convence ó PSOE posto que privaría ós cidadáns do uso de este espazo para aparcamento.
Debido ó gran número de queixas recibidas por parte do sector bateeiro, mariñeiros e veciños en xeral, a directiva da agrupación socialista reuniuse co presidente de Portos de Galica para exporlle a situación de desprotección que suporía para o sector productivo a ocupación do seu espazo de traballo. No transcurso da xuntanza, o titular autonómico comprometeuse a consensuar o emprazamento da cafetería entre tódolos sectores afectados. Así mesmo, Portos de Galicia anunciou a contrución deun pantalán para o atraque dos barcos, posto que non era suficiente o espazo existente e unhas casetas para que os mariñeiros poidan gardar os seus útiles de traballo.
Os socialistas pobreses quixeron deixar claro que en ningún momento se opoñen á contrución da cafetería pero non están de acordo con que unha entidade privada ocupe o espazo público en detrimento dos traballadores do porto.
Redacción Barbanza