O concello de Boiro acomete a ampliación do Camiño da Sobreira

    BOIRO > O concello de Boiro con cargo ó Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña está a desenvolver a ampliación e mellora do camiño da Sobreira. A actuación, que está a ser realizada pola empresa Nemesio Ordoñez, ten un presuposto que se achega ós 60 mil euros.

    O concelleiro de Obras de Boiro, Xoán Xesús Ares, supervisou esta mañá as obras de ampliación do coñecido como Camiño da Sobreira, un vial de pequenas dimensións que unía o casco urbano, na zona do Corrillo, coa estrada entre Boiro e Noia, e que agora grazas a ser incluído no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña vaise ver mellorado.

    A obra, presupostada en preto dos 60 mil euros, é posible tamén grazas ás cesións realizadas polos propietarios da zona o que permitiu a ampliación do vial ós sete metros de ancho.

    Xoán Xesús Ares sinalou ademais que a actuación permitiralle ós veciños poder desenvolver urbanísticamente os seus solares. As obras, segundo el, poderían estar rematadas en breve.

    Os propios veciños da zona valoraron moi positivamente as obras que permitirán a mellora dos servizos, dándolle ademais un maior valor ós terreos alí emprazados.

    Redacción Barbanza