Panorama e París de Noia estarán nas Festas do Carmen de Porto do Son

PORTO DO SON> Xa falta menos para que dean comezo as Festas do Carmen en Porto do Son. O próximo venres, día sete de setembro, arrancará a troula cun torneo de fútbol, para alongarase ata o martes día once. Pola vila sonense pasarán as mellores orquestras de Galicia, como son a Panorama e París de Noia. O sábado será un dos días grandes, na honra da Virxe do Carme, celebrarase unha misa solemne na explanada portuaria e despois farase a procesión marítima, a que acudirá Rosa Quintana, Conselleira do Mar. O domingo, neste caso na honra da Virxe do Loreto, será outro dos días fortes. Ademais da misa solenme, a partir da unha do mediodía haberá unha sardiñada no campamento do Loreto. Pola noite, verbena a cargo das orquestras New York e Alianza. O luns tocaralle amenizar a noite á orquestra Panorama, e o martes á París de Noia, ámbalas dúas tocarán na explanada portuaria. E tamén serán días para os cativos, con inchables e xogos de auga na zona do Parque Infantil. A sesión de fogos artificiais será o martes ás doce da noite. Cinco días de festa en Porto do Son para desfrutar en familia ou en compañía dos amigos.