Os visitantes do Castro de Neixón poderán acceder ó interior das excavacións

    BOIRO > O Centro Arqueolóxico do Barbanza acolleu a presentación do Campo de Traballo Arqueolóxico no Neixón 2006. Os investigadores teñen previsto retoma-las excavacións no xacemento durante o mes de xullo co obxectivo de que proximamente estea acondicionado para recibir visitas.

    Non cabe dúbida de que o castro grande de Neixón constitúe un importante atractivo turístico. Co obxectivo de aproveitar este recurso e dar a coñecer a riqueza arqueolóxica da zona, está previsto o acondicionamento do xacemento para os visitantes de xeito que poidan acceder ó interior das zonas excavadas e contemplar os obxectos atopados.

    Neste sentido, procederase a reforza-la sinalización do conxunto megalítico cunha serie de indicadores.

    O investigador Xurxo Ayán anunciou que a primeiros do próximo mes un equipo de arqueólogos retomará as excavacións no castro grande e iniciarán as investigacións dunha zona habitada no século I d.C.

    Así mesmo poranse en marcha outros estudos como a identificación das especies que consumían os poboadores de Neixón que se levará a cabo en colaboración coa Universidade de León ou o estudo de paleometalurxia para realizar análises das pezas atopadas coa axuda das Universiodades de Santiago e A Coruña.

    Outro ano máis poranse en marcha o campo de traballo internacional que se iniciará o vindeiro 15 de xullo coa chegada dos primeiros 25 participantes con idades comprendidas entre os 18 e 24 anos. Xa en agosto tocaralle o turno ós mozos de entre 25 e 30 anos.

    Npo transcurso do acto, tamén se procedeu á presentación da revista de divulgación histórico-científica ‘Murguía’. Segundo indicou o arqueólogo e historiador, Mario César Vila, o seguinte número da publicación estará dedicado ó Centro Arqueolóxico do Barbanza.

    Pola súa banda, Elena Cabrejas presentou o estudo de impacto arqueolóxico do corredor do Morrazo, cuxa exposicións se pode visitar estes dáis nas instalacións do centro.

    Redacción Barbanza