RIANXO > A Delegada Provincial na Coruña da Consellería da Presidencia, María Esther González Saavedra, realizou esta mañá unha visita ó concello de Rianxo para coñece-las principais carencias e necesidades que presenta o municipio. A visita forma parte dunha rolda de contactos que pretende levar a cabo en tódolos concellos da provincia.
Como xa fixera recentemente nos concellos de Boiro e Pobra do Caramiñal, a Delegada Provincial na Coruña da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, María Esther González Saavedra, visitou o concello de Rianxo, onde mantivo un encontro co alcalde, Pedro Piñeiro, e demais membros do equipo de goberno, así como tamén cos portavoces do Grupo Popular e Grupo Mixto.
Durante a súa intervención María Esther González Saavedra fixo alusión ós motivos da visita, que non eran outros que interesarse polas principais demandas que ten este concello.
O alcalde trasladoulle á Delegada da Presidencia ós problemas existentes con Patrimonio para levar a cabo as obras de ampliación da casa consistorial, unha actuación moi demandada debido a que o edificio presenta importantes carencias e é insuficiente para os servizos que presta hoxe en día.
O propio rexedor rianxeiro entregoulle tamén á Delegada da Consellería da Presidencia varios proxectos como son unhas novas dependencias para a Policía Local e para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Redacción Barbanza