O orzamento de Boiro para o 2006 ascende a 18’2 millóns de euros

    BOIRO > O executivo boirés presentou este venres os orzamentos municipais para o presente ano 2006, que ascenden a 18’2 millóns de euros, o que supón un 17’42% máis que o ano pasado cando se situaban nos 15’5 millóns. No capítulo de inversións o executivo local destinará máis de 8’5 millóns de euros á realización de obras entre as que destacan as peonalizacións das rúas Santos Mieites e Pablo Iglesias con máis de 868 mil euros ou a construción do Centro Social de Cabo de Cruz con 1’4 millóns de euros.

    A concelleira de Economía e Facenda de Boiro, Dores Torrado, destacou na comparecencia ante os medios para a presentación dos orzamentos municipais o descenso que se produciu nos ingresos correntes debido a que o pasado ano tíñanse contabilidadas as obras de reforma dos cemiterios de Vista Alegre e Abanqueiro, pasando dos 13 millóns 161 mil euros ós 11 millóns 822 mil, o que significa unha diferencia do 10’17%.

    En canto ós ingresos de capital obsérvase un incremento considerable, pasándose dos 2 millóns 338 mil euros ós 6 millóns 377 mil, o que supón un incremento do 172’76%.Esta importante subida débese fundamentalmente ás aportacións doutras administracións, fundamentalmente a Xunta de Galicia, destinadas á realización de diversas obras e melloras de servizo.

    A concelleira comentou tamén, que este importante incremento nos ingresos de capital vailles tamén a permitir unha operación de préstamo duns 2 millóns 300 mil euros para financiar obras.

    En canto á débeda viva do concello, Dores Torrado sinalou que esta se manten actualmente no 67’13%, que trala operación de creto se situaría no 90’84, moi por dbaixo do 120% que marca a lei, e tamén da débeda viva da última operación financieira realizada polo concello de Boiro en setembro do 2002 cando gobernaba o Partido Popular que se situaba no 122’71%.

    Na rolda de prensa a concelleira de Economía de Boiro deu tamén especial importancia ó incremento dos gastos correntes ata case o 11’44%, debido ó incremento do capítulo un de persoal que sofre unha variación do 14’30% co obxectivo da equiparación salarial entre funcionarios e laborais.Os orzamentos reflicten tamén un incremento importante no gasto de capital, do 24’20% con respecto ó ano anterior.A inversións reais destinarase uns 8’5 millóns de euros.

    Tanto Manuel Velo coma Xoán Xesús Ares, segundo e primeiro Tenente de Alcalde respectivamente fixeron referencia á importante reducción da débeda do concello, o que segundo eles permitirá a solicitude dun creto para poder acometer novas obras e seguir mellorando os servizos ós veciños.

    Pola súa banda, o alcalde Xosé Deira, destacou que os orzamentos foron realizados atendendo a criterios equitativos, tratando de facer unha repartición xusta en tódalas parroquias co fin de ir mellorando os servizos en cada unha delas.Ademais fixo referencia tamén ó cambio de goberno producido na Xunta o que posibilitou maiores inversións para o municipio.

    Redacción Barbanza