Os quioscos presentan 500.000 firmas a Zapatero contra a Lei Antitabaco

    CALDAS > O vindeiro luns unha boa parte dos propietarios de quioscos de España pecharán os seus establecementos en protesta pola Lei Antitabaco. Esta normativa non lles permite vender tabaco porque tamén ofrecen prensa e lambonadas. Considérano unha inxustiza e ademais aseguran que esta medida lles está a producir perdas nos seus negocios.

    Unha lei inxusta e feita a correr. Así describen os responsables de quioscos a Lei Antitabaco promovida polo Ministerio de Sanidade. Desde o pasado 1 de xaneiro estes establecementos non poden dispensar tabaco porque tamén venden prensa e lambetadas. Sen embargo, os quiosqueiros denuncian que moitos estancos tamén ofertan estes productos e si se lles permite a venda de tabaco.

     

    Susana Bretal, propietaria dun quiosco na vila de Caldas de Reis, calcula que desde que se implantou a Lei Antitabaco tivo arredor dun trinta por cento de perdas no seu establecemento. Asegura que a xente que ía comprar tabaco ó seu quiosco tamén adquiría o xornal ou algunha lambetada pero ‘agora xa non vén, van á tabacalera e tamén collen alí as golosinas’.

     

    Outro motivo de protesta é o imposto que tiveron que pagar estes quioscos para poder vender tabaco por un período de tres anos. Susana Bretal explica que ela xa pagou o seu no 2005 pero Facenda non lle devolve os cartos. Tamén lle queda mercancía sen vender, por valor duns 200 euros. Algunha aínda a ten exposta no comercio, aínda que non a vende, e o resto tivo que almacenala na súa casa.

     

    Nos últimos días Susana recolleu máis de cincocentas firmas de apoio entre os seus clientes. Ademais de en Caldas, a través das asociacións de vendedores de prensa Conadipe e Conepres tamén se recolleu o apoio da sociedade en toda España e o xoves trasladóuselle ó presidente do Goberno. Son en total 500.000 firmas as que avalan a protesta dos quioscos contra a Lei Antitabaco.

     

    Ademais, o luns día 30 teñen previsto pechar os seus establecementos, en Galicia, a partir das seis da tarde. Tralo peche haberá unha manifestación ás sete da tarde en Vigo. Queren que o Goberno lles permita volver a dispensar tabaco ou alomenos que restrinxan a venda de lambonadas e prensa nos estancos.

     

    Redacción Salnés