Vidal obriga a celebrar a asemblea no exterior ó impedir o acceso a Ribadomar

    BOIRO > Tensa se pode considera-la asemblea celebrada o xoves polos membros da Agrupación de Mariscadores a Flote da Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz na que o representante da CIG, Salvador Ribadomar e os membros da Xunta Directiva,  informáronlle ós socios sobre a xuntanza mantida recentemente con representantes da Conselleira de Pesca. O Patrón Maior, Carmelo Vidal , prohibiulle ó sindicalista a entrada á lonxa polo que a reunión tivo que desenvolverse nos exteriores do edificio.

    A asemblea da Agrupación de Mariscadores a Flote da Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz estaba previsto que se desenvolvera no interior da lonxa mais a negativa do Patrón Maior, Carmelo Vidal, de permitirlle a entrada ó edificio ó representante da CIG, Salvador Ribadomar, provocou que a reunión se celebrara no exteriores. Esta circunstancia provocou o enfado tanto dos mariscadores como do sindicalista que sinalaron que a lonxa é un espazo público.

    O motivo da asemblea non era outro que informar ós socios do colectivo de a flote da xuntanza mantida recentemente con representantes da Consellería de Pesca polas presuntas irregularidades cometidas polo Patrón Maior, entre elas os expedientes abertos a varios mariscadores.

    O sindicalista informou tamén ós mariscadores sobre as solicitudes realizadas ante a Consellería en canto á necesidade de efectuar un novo balizamento para delimita-la zona de marisqueo para as agrupacións de a pé e de a flote.

    Ribadomar pediulle a Pesca a súa intervención no pósito debido ás graves irregularidades que se cometen segundo el nesta Confraría.

    A maioría dos mariscadores de a flote consideran necesaria a toma dunha decisión urxente por parte da Consellería de Pesca para que se poña fin dunha vez ós conflitos e enfrontamentos existentes no seo da Confraría.

    A escasos metros de onde se estaba a desenvolve-la asemblea o Patrón Maior, Carmelo Vidal, seguiu con total normalidade a reunión, escoitando estoicamente as críticas contra el realizadas polo representante da CIG.

    Nada máis remata-la asemblea Carmelo Vidal dou tamén a súa versión sobre o acontecido sinalando que lle prohibiu a entrada á lonxa ó representante da CIG porque non viña máis que a montar follón.

    En canto as sancións impostas a algúns dos mariscadores a flote, Carmelo Vidal, volveu sinalar que foron totalmente legais.

    O Patrón Maior de Cabo de Cruz sinalou tamén que tiña previsto emprender accións contra Ribadomar por falsedade documental, inxurias e calumnias.

    Redacción Barbanza