RIBEIRA> Os vinte alumnos participantes no obradoiro de emprego Tahume recolleron esta mañá o seu certificado de profesionalidade. Chega así á súa fin a oitava edición desta iniciativa conxunta entre os concellos de Ribeira e Porto do Son que este ano impartiu os módulos de cociña e confección de redes.
O salón de plenos do concello de Ribeira foi escenario do acto de clausura do obradoiro de emprego Tahume. Os vinte alumnos participantes, dez de Ribeira e outros tantos de Porto do Son, foron recollendo un a un os certificados de profesionalidade que acredita a formación adquirida ben na especialidade de cociña ou na de confección de redes.
A realización deste obradoiro é posible grazas á estreita colaboración dos concellos de Porto do Son e Ribeira que xa realizaron a solicitude dun novo obradoiro de cara ó vindeiro ano.
Tras recoller os seus diplomas e dar por clausurada esta etapa formativa, os vinte alumnos inician agora un novo camiño cara o mercado laboral grazas á capacitación adquirida ó longo destes doce meses.